Monday 29 de April de 2024

O concello presentará alegacións ao proxecto do Parque Eólico Pedra Queimada


Mantendo a mesma postura que co proxectos dos parques eólicos Carboeiro, Monteagudo e Coto Loureiro.

O Concello presentará alegacións ao proxecto do parque eólico Pedra Queimada, que prevé a instalación de dous aeroxeneradores de 5,7 MW de potencia nominal unitaria, un deles no termo municipal da Laracha, preto do núcleo de Alvite (Caión) e, o outro en Arteixo, na parroquia de Monteagudo.

O Concello oponse ao proxecto tanto por estar o aeroxenerador previsto en territorio larachés moi preto de núcleos de poboación rural (Alvite, Xermaña, O Outeiro, Goxán e O Campo da Costa) como polo seu negativo impacto paisaxístico e medioambiental, xa que a ubicación é próxima ao litoral de Caión e sería moi visible desde a liña da costa.

Ademais, tendo en conta a aparición concorrente de parques eólicos en zonas moi próximas -como é o caso do de Pedra Queimada e o de Monteagudo, tamén en fase de tramitación-, o Concello intúe que podería terse fragmentado un proxecto inicial único coa intención de que os dous parques se sometan a unha avaliación simplificada e, así, non ter que afrontar unha común, máis complexa e que presentaría maiores dificultades para superar o impacto que tería no territorio e na poboación.

O Concello manterá en relación ao parque eólico Pedra Queimada a mesma posición que tivo co resto de proxectos de parques eólicos localizados no termo municipal da Laracha e os das súas correspondentes liñas eléctricas de evacuación que estiveron en exposición pública nos últimos meses (Monteagudo, Carboeiro e Coto Loureiro). Desde o Concello sempre se defenderán os intereses da veciñanza, tanto a nivel xeral como particular, reclamándose que ditas infraestruturas non se instalen en zonas de especial protección ambiental ou paisaxística nin en emprazamentos que poidan afectar a vivendas, edificacións ou servizos básicos á poboación, como por exemplo á captación da auga.

O proxecto do parque eólico Pedra Queimada estará ata o 17 de agosto en exposición pública, data ata que calquera particular poderá sumarse á iniciativa do Concello da Laracha e presentar as correspondentes alegacións, suxestións, achegas e opinións ante a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Nese sentido, o Concello porá nos próximos días na web municipal a disposición da cidadanía un modelo tipo de alegacións contra o parque eólico Pedra Queimada.